GRUPO TRADICIONAL “TIRAPADIANTE”

No seo da Escola Municipal de Música, dirixida por Armando Morales, baixo o amparo da Asoc. Cultural “Músico Crisanto”, presidida por Pablo Rábade e do Concello de Rábade, sendo alcalde Francisco X. Fernández Montes; nace en Rábade en 2010 o Grupo Tradicional “Tirapadiante”. A partir dos primeiros cursos, coordinados polos profesores da Área de Música Tradicional, Branca Villares, Brais Monxardín e Miguel Anxo López; uns cantos amigos, xuventude apaixoada da Música Tradicional Galega, acharon entre as súas horas de lecer un tempo para disfrutar do ensaio e tamén das actuacións, por toda a xeografía da nosa comunidade e fóra desta. Ademais de enriquecer as súas vidas cos tesouros máis duradeiros, cultura do viaxeiro, vivencias compartidas con músicos doutras latitudes, amistade…, teñen o privilexio de formar parte dun grupo humano que contribuirá a legar a novas xeracións parte importante da cultura propia dos seus antepasados.

Entre as numerosas pezas do seu repertorio constan Danzas, Alboradas, Muiñeiras, Pasodobres, Polcas, Xotas, Rumbas, Marchas, Himnos… Algunhas delas son a Foliada de Tenorio, A Camposa, Farruquiña chaman á porta, Golpe de Mondariz, Cuba, Baixando para A Salgueira, Xota de Vilarón, Muiñeira de A Fonsagrada, Muiñeira de Inzenga, Pasodobre de Bembribe, San Tirso Valdeferreiros, O Galo, A Carolina, Xota de Lugo, Muiñeira de Cangas, Buxos Verdes, Muiñeira de Lugo, Muiñeira de Mallou, Pasodobre de Guisoi, Muiñeira do Chao do Pousadoiro, Xota Popular, Quen teña viño, Rumba dos Cinco Mariñeiros, Vals dos vellos, Himno Galego…