YOUNG MURAJAZZ BIG BAND

 A historia desta Escola e Banda de Jazz, polo seu breve percorrido, non ten aínda unha significativa vida musical que relatar. A orixe certa destas remóntase ó 17 de setembro de 2007, cando a Corporación Municipal do Concello de Rábade, presidida por Francisco Xosé Fernández Montes, deposita toda a súa ilusión cultural musical nun ambicioso proxecto de Centro Educativo Musical aberto a toda a sociedade rabadense e a súa contorna. Deseñado polo profesor de música Armando Morales, asúmese a súa posta en marcha pese ó adverso contexto socioeconómico. Nace así a Escola Municipal de Música, con apenas unha decena de alumnos e un só profesor (o propio director do proxecto). Nos cursos seguintes, baseándose nunha formación de calidade, impartida por docentes especializados, veu incrementándose de xeito chamativo o volume do capital humano implicado neste proxecto educativo musical, ata chegar ós 305 alumnos e 25 profesores da actualidade. Froito dese traballo emocionante, apontoado pola forte convicción dos principais axentes coordinados, Áreas de Cultura dos Concellos de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol, Claustro de profesores e os Pais de alumnos e veciños a través da Asoc. “Músico Crisanto”; xurdiron agrupacións de moi diversos estilos; entre eles, a  Young Murajazz Big Band. En marzo de 2013 adheríase con plena implicación o Concello de Begonte, asinando o seu alcalde José Ulla Rocha e o citado Francisco X. Fernández Montes un innovador convenio de colaboración que sustentaba un sólido proxecto cultural musical común, recaendo a xestión administrativa do proxecto global na Asoc. Musico Crisanto, presidida dende a súa fundación por Pablo Rábade. Coa incorporación do Concello de Outeiro de Rei, ratificada o 14 de setembro de 2015, coa firma do seu alcalde José Pardo ao que se uniu en 2021 o Concello de Friol por iniciativa do seu alcalde José Ángel Santos, veu a consolidarse un Proxecto Musical Mancomunado pioneiro e único en Galicia.

A formación coñecida como Big Band comezou a definirse a finais da década dos 20. Nos Shows e grandes salóns de baile de Harlem xurdiu unha demanda de sonoridades máis amplas, polo que se incorporou un número maior de instrumentos e músicos. Isto modificou o panorama do Jazz, ata entón animado por formacións reducidas onde primaba a espontaneidade. O novo fenómeno esixiu arranxos escritos e execucións máis precisas, os instrumentos fóronse organizando por familias ou seccións (trompetas, trombóns, saxofóns, base rítmica). O orquestrador converteuse nunha figura importante que tería que  crear estilos, e a improvisación – tan esencial no Jazz – quedou reservada ao solista, agora estimulado por un consistente respaldo orquestral nacera a Big Band, ou gran orquestra de Jazz. Esta fórmula gozou da súa máxima popularidade durante a chamada “Era do Swing” (1935-1945), pero continuou a súa incesante evolución ata os nosos días, asimilando todas as correntes e tendencias modernas do Jazz. Pode afirmarse que unha Big Band é a máxima expresión musical de todos os estilos do jazz e que, tocar neste tipo de orquestras, supón unha experiencia altamente enriquecedora.

Non resulta moi usual atopar en Galicia exemplos musicais desta índole, menos aínda fóra dos grandes núcleos urbanos; foi determinante o precedente na fundación en 2009 da “Murajazz Big Band”, integrada basicamente por profesores da Escola Municipal de Música, para que apenas 5 anos despois, nace a xeito de sección xuvenil a “Young Murajazz Big Band” (2014). Trátase da primeira formación  luguesa integramente formada por mozos intérpretes, completándose aquí a formación clásica de Big Band. Pese á súa breve traxectoria  xa ten actuado en diversos festivais, como o veterano Festival de Jazz “Cidade de Lugo”, en diversos concellos da provincia, reiteradas celebracións do día Mundial do Jazz, cursos de improvisación e respectivos Concertos de Clausura, programas Musiqueando da Deputación Provincial de Lugo… obtendo gran éxito entre o público. A Música que se interpreta vai dende o swing máis clásico a versións de temas moi coñecidos do noso tempo, introducindo ritmos latinos,un pouco de rock & roll…

 

Murajazz Big Band, actualmente dirixida por Álex Troya, está integrada por:

  • Saxo alto: Xurxo Morales e Antía López
    • Saxo tenor: Dani Rábade e Bruno Somoza
  • Saxo Barítono: Sabela Al-Soufi
  • Trompeta: Carlos López, Alfonso Blanco, Aldara García e Joel Ferenández
  • Trombón: Julia Barrera e Jairo López
  • Tuba: Marta García
  • Guitarra: Iria de Cabo

• Baixo eléctrico: Alfonso Blanco
• Piano: Lucía Gómez
• Batería e Percusión: Pablo Carballeira e Óscar Carballo