CORO DA ASOCIACIÓN “MUSICO CRISANTO”

RÁBADE-BEGONTE-OUTEIRO-FRIOL

A historia desta Escola e o Coro, polo seu breve percorrido, non ten aínda unha significativa vida musical que relatar. A orixe certa destas remóntase ó 17 de setembro de 2007, cando a Corporación Municipal do Concello de Rábade, presidida por Francisco Xosé Fernández Montes, deposita toda a súa ilusión cultural musical nun ambicioso proxecto de Centro Educativo Musical aberto a toda a sociedade rabadense e a súa contorna. Deseñado polo profesor de música Armando Morales, asúmese a súa posta en marcha pese ó adverso contexto socioeconómico. Nace así a Escola Municipal de Música, con apenas unha decena de alumnos e un só profesor (o propio director do proxecto). Nos cursos seguintes, baseándose nunha formación de calidade, impartida por docentes especializados, veu incrementándose de xeito chamativo o volume do capital humano implicado neste proxecto educativo musical, ata chegar ós 206 alumnos e 25 profesores da actualidade. Froito dese traballo emocionante, apontoado pola forte convicción dos principais axentes coordinados, Áreas de Cultura dos Concellos de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei, Friol, Claustro de profesores e os Pais de alumnos e veciños a través da Asoc. “Músico Crisanto”; xurdiron agrupacións de moi diversos estilos; entre eles, o  Coro. En marzo de 2013 adheríase con plena implicación o Concello de Begonte, asinando o seu alcalde José Ulla Rocha e o citado Francisco X. Fernández Montes un innovador convenio de colaboración que sustentaba un sólido proxecto cultural musical común, recaendo a xestión administrativa do proxecto global na Asoc. Musico Crisanto, presidida dende a súa fundación por Pablo Rábade. Coa incorporación do Concello de Outeiro de Rei, ratificada o 14 de setembro de 2015, coa firma do seu alcalde José Pardo Lombao, ao que se uniu en 2021 o Concello de Friol por iniciativa do seu alcalde José Ángel Santos, veu a consolidarse un Proxecto Musical Mancomunado pioneiro en Galicia.

 

O Coro está formado por uns 25 cantores e dirixida por Esperanza Iglesias Méndez,  no breve espazo de tempo transcorrido, a nosa formación procurou manterse activa na programación de concertos vinculados a Escola Municipal de Música, en Festivais Solidarios a favor de ONGs, participando en intercambios con outras corais da Comunidade de Galicia como o Coro Santa Comba de Veigue (Sada), a Coral Polifónica de Palas de Rei, a Asociación Coral Polifónica Virgen do Monte de Cospeito, a Coral Escolma de Coruña, Coral Polifónica Eumesa de Pontedeume, o Coro Ángel Émbil de Pola de Siero (Asturias), e outros eventos culturais como os concertos celebrados na Casa-Museo de Manuel María en Outeiro de Rei (Lugo), Museo Provincial de Lugo e a entrega do Grelo de Ouro nalgunhas das súas edicións, no Paraninfo da Facultade de Historia de Santiago de Compostela.

Na actualidade, segue avanzando na ampliación do seu repertorio, que abarca dende a música tradicional galega ata partituras de música antiga española e zarzuela.