Escola e Banda Municipal de Música“Sons e Soños”
Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol
A historia desta Escola e Banda de Música, polo seu brevísimo percorrido, non ten aínda unha significativa vida musical que relatar. Con todo, narra con auténtica emoción os seus primeiros pasos. A orixe certa destas remóntase ó 17 de setembro de 2007, cando a Corporación Municipal do Concello de Rábade, presidida por Francisco Xosé Fernández Montes, deposita toda a súa ilusión cultural musical nun ambicioso proxecto de Centro Educativo Musical aberto a toda a sociedade rabadense e a súa contorna. Deseñado polo profesor de música Armando Morales, asúmese a súa posta en marcha pese ó adverso contexto socioeconómico. Nace así a Escola Municipal de Música, con apenas unha decena de alumnos e un só profesor (o propio director do proxecto). Nos cursos seguintes, baseándose nunha formación de calidade, impartida por docentes especializados, veu incrementándose de xeito chamativo o volume do capital humano implicado neste proxecto educativo musical, ata chegar ós 305 alumnos e 25 profesores da actualidade. Froito dese traballo emocionante, apontoado pola forte convicción dos principais axentes coordinados, Áreas de Cultura dos Concellos de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol, Claustro de profesores e os Pais de alumnos e veciños a través da Asoc. “Músico Crisanto”; xurdiron agrupacións de moi diversos estilos: Aula de Música Moderna (dirs. Marco Mendoza e Carlos Martínez), Murajazz Big Band (basicamente integrada por profesores) e Young Murajazz Big Band (alumnado) (de ambas, dir. Toño Otero), Tirapadiante G. Tradicional e Banda de Gaitas (dir. Daniel Fernández), Coro de Voces Mixtas (drª. Esperanza Iglesias), Banda Infantil da Escola (dir. Pablo López) e a propia Banda “Sons e Soños” de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol (dir. Armando Morales).
En marzo de 2013 adheríase con plena implicación o Concello de Begonte, asinando o seu alcalde José Ulla Rocha e o citado Francisco X. Fernández Montes un innovador convenio de colaboración que sustentaba un sólido proxecto cultural musical común, recaendo a xestión administrativa do proxecto global na Asoc. “Musico Crisanto”, presidida dende a súa fundación por Pablo Rábade. Coa incorporación do Concello de Outeiro de Rei, ratificada o pasado 14 de setembro de 2015, coa firma do seu alcalde José Pardo Lombao ao que se uniu en 2021 o Concello de Friol por iniciativa do seu alcalde José Ángel Santos e veu a consolidarse un Proxecto Musical Mancomunado pioneiro e único en Galicia.
O primeiro ensaio conxunto dos mozos músicos fundadores desta Banda tivo lugar o luns 20 de xuño de 2011 no Centro Sociocultural de Rábade. O seu Concerto Inaugural celebrouse na Igrexa Parroquial de San Vicenzo de Rábade seis meses despois, o sábado 17 de Nadal de 2011. No breve espazo de tempo transcorrido, apenas 5 anos, a nosa xove Banda procurou manterse activa na programación de concertos e na participación en moi diversos eventos. De tal xeito, ten interpretado diversos programas en Orbazai, A Fonsagrada, X e XI Festival de Bandas de Meira, O Chao do Fabeiro, Begonte, Mondoñedo, Baamonde, Monforte de Lemos, XIX Festival de Bandas de Ribadeo, Ferreira de Valadouro, Saavedra, A Illa de Arousa, Auditorio do Hula (Hospital Universitario Lucus Augusti), MIHL (Museo Interactivo da Historia de Lugo), Ciclo de Concertos nas Prazas e Parques de Lugo (Verán 2013), Auditorio de Vilalba, Museo Provincial de Lugo, Círculo das Artes de Lugo, I Festival de Bandas de Antas de Ulla, As Pontes, Quiroga, Estadio Anxo Carro (C.D. Lugo), Santiago de Compostela, Valga, Pol, Calo, Auditorio Gustavo Freire (Lugo), Tapia de Casariego, Cambados, Villaviciosa, Auditorio de Galicia no IX Certame Galego de Bandas, I Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia na Cidade da Cultura, X Certame Galego…; sendo tamén organizadores de Festivais Solidarios a favor de ONGs de ámbito nacional e internacional…
Na primavera de 2015 encárgaselle ó compositor lugués Manuel María Veiga a composición dunha orixinal obra representativa das nosas Escolas, que homenaxeaba ó poeta chairego de mesmo nome, Manuel María “Muíños en campo aberto”. Esta foi estreada no Auditorio de Galicia o 22 de novembro de 2015 dentro do IX Certame Galego de Bandas, obtendo o Premio á Interpretación dunha Obra de Temática Galega. Azares da vida, resultou ser o escritor ó que se adicou o Día das Letras Galegas ó ano seguinte (2016). É a primeira Banda de Música que, con menos de 5 anos de vida, participa na Primeira Sección do Certame.
Como todo proxecto que aúna esforzos de membros dun numeroso grupo humano, soe esquecerse homenaxear a cada un dos merecedores de mención. Esta Banda de Música amosa gratitude de forma expresa ós músicos e pais que transitan sempre entre a súa casa e o local de ensaios, dende Rábade, Begonte, Cospeito, Castro de Rei, Friol, Pol, Outeiro de Rei, Lugo, Santiago de Saa, Guntín, Castroverde, Palas de Rei, Baralla, Póboa de San Xulián…Tamén a Pablo López, xefe de estudos e dir. da nosa Banda Infantil, ó claustro de profesores da “Escola de Música Mpal. de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol”, ó da Escola Municipal de Música de Lugo e ó do Conservatorio Profesional de Música de Lugo, especialmente ós profesores das especialidades de vento e percusión, sempre tan xentís coas nosas Escolas.