SARA COELLO SÁNCHEZ
Os seus comezos no mundo da música veñen da man de Carlos Méndez, con quen estudou clarinete como integrante da Banda Municipal de Outeiro de Rei, para logo formar parte da banda Sons e Soños baixo a batuta de Armando Morales.
Posteriormente decide iniciarse na aprendizaxe de gaita na Asociación Cultural Cántigas e Frores, onde se forma con Daniel Fernández López e Bruno Villamor Gay, quen tamén foi o seu mestre no Conservatorio Profesional de Vilalba, onde se titula na especialidade de gaita.
Continúa os seus estudos en gaita e música tradicional galega no Conservatorio Superior de Música de Vigo, tomando aulas con Lorena Freijeiro e Cristian Silva. No seu terceiro curso fai un Erasmus+ a Dublín, iniciando estudos en gaita irlandesa (uilleann pipes). O seu interese na música irlandesa fai que decida solicitar un traslado de expediente, titulándose así na Technological University of Dublin no grao en Música Tradicional Irlandesa. Alí fórmase con Mark Redmond, Helen Lawlor, Kieran Hanrahan ou Odhran O´Casaide. Tamén lle conceden o premio polo seu concerto de fin de estudos, outorgándolle a medalla Leo Rowsome.
Completou a súa formación en gaita con cursos da man de Brais Monxardín, Pedro Lamas, Pepe Vaamonde, Pablo Seoane, Pedro Fariñas, Carlos Núñez ou Xesús Rodríguez. Ademais, compaxinou os seus estudos de gaita cos de percusión tradicional galega da man de Miguel Anxo López Buján “Chino”, Carlos Castro e Bruno Villamor Gay.