Que podo estudar?

Na nosa escola convidamos a todas as persoas de entre 4 e 104 anos a aprender música connosco, as posibilidades son moi variadas!

  • Os máis pequenos poden matricularse en Música e Movemento, onde aprenderán as bases da música con xogos, de forma divertida, ou en Musical English, onde se combina esa aprendizaxe coa da lingua inglesa.
  • Os maiores (a partir de 7 anos) poden escoller un instrumento. Na escola temos a maioría de instrumentos habituais, tanto os que forman parte dunha banda de música (vento madeira, vento metal e percusión) como os instrumentos de corda, os de tecla, os da música tradicional galega e o canto. Podes consultar o esquema que hai ao final da páxina para coñecelos en detalle. Atrévete a escoller os menos coñecidos!
  • Tamén temos clases grupais, tanto para aprender música (Linguaxe Musical, Análise, Harmonía Moderna) como para practicala en conxunto (Coro, Canto Tradicional e Pandeireta, Percusión Tradicional…)
  • Ademais, todos os instrumentistas poden acabar sendo membros das nosas agrupacións: A Banda de Música Sons e Soños, a Banda de Gaitas Sons da Chaira, a Young Murajazz Big Band ou o Coro da Asociación Músico Crisanto.

Na tarifa que se aplica por asistir a clases individuais de instrumento (preferiblemente dunha hora, pero tamén de media hora) xa vai incluída tamén 1 hora de clase de Linguaxe Musical (colectiva). Ofrecemos unha tarifa reducida para todos os veciños de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei, ademais de para os socios da nosa Asociación.

Como se trata dun servizo mancomunado entre tres concellos, as clases impártense en diversos lugares: Escola de Robra en Outeiro de Rei, Centro Sociocultural e IES Río Miño en Rábade, e Casa da Cultura e Centro Sociocultural en Begonte.

Non dubides en contactar connosco para solicitares máis información!