BANDA DE GAITAS DAS ESCOLAS MUNICIPAIS DE MÚSICA DE RÁBADE-BEGONTE-OUTEIRO

A historia desta Escola e Banda de Gaitas, polo seu breve percorrido, non ten aínda unha significativa vida musical que relatar. A orixe certa destas remóntase ó 17 de setembro de 2007, cando a Corporación Municipal do Concello de Rábade, presidida por Francisco Xosé Fernández Montes, deposita toda a súa ilusión cultural musical nun ambicioso proxecto de Centro Educativo Musical aberto a toda a sociedade rabadense e a súa contorna. Deseñado polo profesor de música Armando Morales, asúmese a súa posta en marcha pese ó adverso contexto socioeconómico. Nace así a Escola Municipal de Música, con apenas unha decena de alumnos e un só profesor (o propio director do proxecto). Nos cursos seguintes, baseándose nunha formación de calidade, impartida por docentes especializados, veu incrementándose de xeito chamativo o volume do capital humano implicado neste proxecto educativo musical, ata chegar ós 206 alumnos e 25 profesores da actualidade. Froito dese traballo emocionante, apontoado pola forte convicción dos principais axentes coordinados, Áreas de Cultura dos Concellos de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei, Claustro de profesores e os Pais de alumnos e veciños a través da Asoc. “Músico Crisanto”; xurdiron agrupacións de moi diversos estilos; entre eles, a  Banda de Gaitas. En marzo de 2013 adheríase con plena implicación o Concello de Begonte, asinando o seu alcalde José Ulla Rocha e o citado Francisco X. Fernández Montes un innovador convenio de colaboración que sustentaba un sólido proxecto cultural musical común, recaendo a xestión administrativa do proxecto global na Asoc. Musico Crisanto, presidida dende a súa fundación por Pablo Rábade. Coa incorporación do Concello de Outeiro de Rei, ratificada o 14 de setembro de 2015, coa firma do seu alcalde José Pardo Lombao veu a consolidarse un Proxecto Musical Mancomunado pioneiro en Galicia.

Un dos obxectivos principais das nosas Escolas é promover unha moi activa Área da Música Tradicional, que acada unha das principais metas tanxibles na creación da súa propia Banda de Gaitas en abril de 2014. Na actualidade conta cuns 35 integrantes e está dirixida por Brais Monxardín (gaitas) e Miguel Anxo López “Chino” (Percusión Tradicional) coa colaboración permanente de Branca Villares (Pandeiretas e Canto Tradicional).

O repertorio baséase:

  • Na Interpretación de Música Tradicional Galega, prestando especial atención a música recollida na provincia de Lugo, respectando no posible a súa esencia e estilística.
  • Na difusión e interpretación de pezas de autor, co obxectivo de que as novas xeracións coñezan e gocen da Música Tradicional, tanto dende as súas orixes como na evolución ata os nosos días.

A pesares da súa curta existencia a Banda ten intervido xa en distintas actuacións  como as do “Auditorio Gustavo Freire” (Lugo, Xuño 2015, Xuño 2016), “Festival Intercéltico de Ortigueira” (Xullo 2016), “Foliada de Orbazai” (Xuño 2016),  e outras moitas en diferentes festas e intercambios dentro e fóra da Provincia. Entre as máis relevantes intervencións planificadas para o futuro próximo, destaca a Actuación na celebración do Día das Letras Galegas 2017 en Santurce (Bilbao).